Cambio de Fase

Cómics para ensinar Ciencia e Tecnoloxía?

Advertisements

Si, e tamén películas, novelas, videoxogos, visitas a museos…Pensar que estamos a ensinar ben unha materia “de ciencias” centrándonos só na adquisición de contidos técnicos mecánicos (resolución de problemas estandarizados coa aplicación mecánica de fórmulas, conceptos illados e non significativos…) é de entrada incumprir coas diversas leis educativas que sinalan moi claramente a obrigatoriedade dunha contextualización social da ensinanza das ciencias e da Tecnoloxía. A maiores na época que vivimos, de acumulación desbordante de información, é necesario un enfoque interdisciplinario e integrador se queremos que a educación sexa algo máis que acumular notas. A maioría do alumnado recibe as ensinanzas científicas dun xeito moi pouco científico (segundo unha enquisa recente o 67% do alumnado de ESO non vai ao laboratorio de ciencias), pero tamén dun xeito moi pouco humanístico: descontextualizada da Historia, da cultura, da Ética e da política. Para isto é precisamente para o que poden servir os cómics que iremos comentando neste blog e no programa EFERVESCIENCIA: familiarizar ao alumnado co contexto da ciencia e d@s científic@s, a metodoloxía e os procesos (tan distintos entre sí) que se seguiron nas achegas científicas.

Nas últimas décadas o cómic ven sendo unhas das artes máis dinámica, aínda que no noso pais para gran parte dos adultos en xeral e do profesorado en particular é unha arte menor, algo para que lean os rapaces e rapazas (no mellor dos casos) namentres non collen gusto á lectura “de verdade”. Que en plena era audiovisual non nos decatemos que temos que educar no e co Visual se non queremos ter un poboación pseudoanalfabeta demostra a falta de visión educativa e/ou o conservadorismo cultural que dominan as nosas aulas.

A maiores nos últimos anos teñen xurdido magníficas obras de divulgación científica en formato cómic (á par que algúns dos mellores reportaxes xornalísticos da actualidade tamén teñen formato de cómic; baste citar en castelán OSCURIDADES PROGRAMADAS de Sarah Glidden (Ed. Slamandra)). Obras que deberían estar en todas as bibliotecas dos IES, e que o profesorado debería inserir nas súas programacións de aula, ben coma traballo obrigatorio ou voluntario avaliado (creando secuencias didácticas) ben como lecturas recomendadas (de novo as Leis educativas obrigan a ter un escolma de lecturas por materia e a participar no Plan Lector das escolas).

Agardo que algunha das obras aquí referenciadas podan servir a algún profesor/a a mellorar as súas clases.

Advertisements

Advertisements