Materias onde traballar co cómic: Física e Química, Ciencias da Natureza, Filosofía-Antropoloxía, Tecnoloxía (no tema Tecnoloxías da Comunicación)

Outras obras para traballar en clase: CONTACT (novela de Carl Sagan e película de R. Zemeckis con Jodie Foster)

Cosmicómic: El descubrimiento del Big Bang  de Amedeo Balbi e Rossano Piccioni (Ed. Salamandra)  é o primeiro cómic comentado en EFERVESCIENCIA. Foi escollido non pola súa calidade artística (o debuxo é correcto, funcional, ao servizo da historia) senón por ser unha obra que ilustra unha historia apaixonante e un tema de grande relevancia científica (o cambio de paradigma cosmolóxico ao longo do século XX) dun xeito coral, poñendo a énfase na ciencia como proceso colectivo de ensaio-erro e debate permanente coas ideas preconcibidas, e non coma resultado pechado veraz (xusto ao contrario de como adoitamos ensinar a ciencia nas clases, máis coma unha relixión revelada de verdades únicas e incuestionables).

É moi interesante ver a grandes científicos coma Einstein cometendo graves erros de apreciación científica, sepultando ideas innovadoras de científicos menos relevantes e máis tarde dando o seu brazo a torcer e recoñecer o seu erro (esa é precisamente a grandeza de moitas persoas adicadas á ciencia e iso é un dos grandes temas que non estamos a ensinar en clase de ciencia: a súa metodoloxía).

1366_2000
Algúns dos protagonistas

A historia debería ser coñecida por calquera docente: en 1964 Penzias e Wilson, radioastrónomos, captan un ruído de fondo permanente e omnipresente nas antenas. Despois de descartar outras posibilidades e dun proceso investigador chegamos a unha conclusión: estamos a “escoitar” o eco residual do Big Bang, é dicir temos un medio para investigar cando e como naceu o actual Universo. Ao longo da investigación van aparecendo grandes investigadores que contribuíron ao cambio da visión cosmolóxica ao longo do século XX: Einstein, Gamow, Hubble, Hoyle, Lemaître…Ningún deles foi quen de completar o puzzle enteiro o cal demostra unha vez máis que a Ciencia é ante todo un traballo colectivo, e que nas clases cando falamos de científicos individuais (normalmente só citando as “súas” leis ou facendo referencia aos “seus” descubrimentos relevantes) estamos a cometer un descontextualización, poñendo a énfase no traballo e nas capacidades individuais de grandes xenios (todos homes brancos, porque as mulleres e as outras etnias as invisibilizamos).

A historia funciona tamén coma exemplo de serendipia (achega fortuita, descubrimento casual) algo moi presente na Historia da Ciencia e da Tecnoloxía pero que cando se presenta en clase (por exemplo, ao falar dos antibióticos) queda reducido a un nivel de anécdota ou azar, ocultando que o relevante foi a capacidade investigadora das persoas para por en cuestión os datos, interpretacións e paradigmas anteriores. É dicir, a maioría de nós non seriamos quen de facer un achega científica por moita casualidade que tiveramos se non temos claro a(s) metodoloxía(s) de investigación. E iso é o que podemos ilustrar na clase con unha lectura coma esta.