Buscar

Cambio de Fase

Cómics | Videoxogos | Educación

Mes

Outubro 2017

Neurocómic

01203449401_g

Materias onde traballar co cómic: Bioloxía, Psicoloxía

Edición en castelán: Norma Editorial

Esta obra debería ser de lectura obrigatoria no instituto, e para calquera interesado en iniciarse nunhas das ciencias máis vivas, innovadoras e importantes da actualidade, a neurociencia. As achegas das últimas décadas na neurociencia están influíndo en múltiples disciplinas, moi en concreto en psicopedagoxía e didáctica (ou sexa, nas bases da educación), e sobre todo na nosa forma de ver e entendernos a nós mesmos, pois TODO o que facemos e nos sucede son cousas que fai e interpreta o noso cerebro.

O cómic funciona a nivel de percorrido cronolóxico polas etapas fundamentais da disciplina e as achegas dos principais neurocientíficos: comezando por Ramón y Cajal e as súas disputas con Golgi,  e pasando por Huxley, Berger, Pavlov e outros. Todos eles aparecen coma personaxes sacados de Alicia no Pais das Marabillas e dun xeito narrativo que remite a ese díptico fundamental da animación didáctica que foron Érase unha vez…o home e Érase unha vez…o corpo humano.

18260507809_d4efc099d2_z

Na obra destaca o equilibrio entre forma e contido. É unha obra de divulgación case que perfecta realizada por un doutor,  Matteo Farinella, e unha doutora, Hana Ros, que sen ser autores de cómic logran que a narración visual estea completamente integrada cos conceptos a explicar, moi en especial coa metáfora máis potente da neurociencia (e a filosofía, a psicoloxía…): o cerebro é por riba de todo un grande narrador que vai contándonos a realidade; é dicir, a realidade “é” (ou así a percibimos, éche o mesmo) unha historia  que o cerebro se conta a si mesmo.

Neste vídeo podemos ver o making-of do cómic:

 

P.S: moi interesante o tuit que chiou fai pouco Francisco Mora Teruel, catedrático de Neurociencia e un referente na aplicación da Neurociencia á educación co seu libro Neuroeducación (Alianza Editorial)

Captura de pantalla de 2017-11-01 21:40:45.png

 

O segredo de Coimbra

capa_segredocoimbra-pt

Materias onde traballar co cómic: Xeografía e Historia, Filosofía (Ilustración), Matemáticas (xeometría), Plástica e visual (anamorfismo)

O segredo de Coimbra é un cómic de encargo do Museu da Ciencia da Universidade de Coimbra a Etienne Schréder para ilustrar unha exposición do magnífico catálogo de artiluxios científicos da eṕoca da Ilustración. Será de interese para calquera visitante do Museu, da Universidade ou da cidade.

Coma obra en si, é unha obra primeriza, con unha narrativa máis que correcta que suxire que o seu autor vaise converter nun autor destacado no cómic franco-belga co paso dos anos. O destacado son as ilustracións dos obxectos científicos, en especial os relacionados coa anamorfose,  concepto central na trama da obra e fundamental para entender o valor filosófico e histórico da época retratada: as cousas non son como as vemos, senón que debemos velas/analizalas dende distintas perspectivas, convertendo ao xeito de ver e analizar as cousas e a Natureza, a metodoloxía, en algo tan fundamental como as cousas en sí mesmas. Iso é o xiro fundamental da Ilustración: a Ciencia moderna será unha metodoloxía nova que permite ver cousas novas que xa estaban aí, pero das cales non tiñamos a perspectiva necesaria.

É de sinalar que o cómic inclúe unha lámina metálica para poder apreciar algúns debuxos en perspectiva cilíndrica, unha das anamorfoses máis habitual na pintura e nas ilustracións crípticas.

 

Blog en WordPress.com.

Subir ↑