Materias onde traballar co cómic: Bioloxía, Psicoloxía
Edición en castelán: Norma Editorial
Esta obra debería ser de lectura obrigatoria no instituto, e para calquera interesado en iniciarse nunhas das ciencias máis vivas, innovadoras e importantes da actualidade, a neurociencia. As achegas das últimas décadas na neurociencia están influíndo en múltiples disciplinas, moi en concreto en psicopedagoxía e didáctica (ou sexa, nas bases da educación), e sobre todo na nosa forma de ver e entendernos a nós mesmos, pois TODO o que facemos e nos sucede son cousas que fai e interpreta o noso cerebro.
O cómic funciona a nivel de percorrido cronolóxico polas etapas fundamentais da disciplina e as achegas dos principais neurocientíficos: comezando por Ramón y Cajal e as súas disputas con Golgi, e pasando por Huxley, Berger, Pavlov e outros. Todos eles aparecen coma personaxes sacados de Alicia no Pais das Marabillas e dun xeito narrativo que remite a ese díptico fundamental da animación didáctica que foron Érase unha vez…o home e Érase unha vez…o corpo humano.
Na obra destaca o equilibrio entre forma e contido. É unha obra de divulgación case que perfecta realizada por un doutor, Matteo Farinella, e unha doutora, Hana Ros, que sen ser autores de cómic logran que a narración visual estea completamente integrada cos conceptos a explicar, moi en especial coa metáfora máis potente da neurociencia (e a filosofía, a psicoloxía…): o cerebro é por riba de todo un grande narrador que vai contándonos a realidade; é dicir, a realidade “é” (ou así a percibimos, éche o mesmo) unha historia que o cerebro se conta a si mesmo.
Neste vídeo podemos ver o making-of do cómic:
P.S: moi interesante o tuit que chiou fai pouco Francisco Mora Teruel, catedrático de Neurociencia e un referente na aplicación da Neurociencia á educación co seu libro Neuroeducación (Alianza Editorial)
Deixar unha resposta