Materias onde traballar co cómic: Xeografía e Historia, Filosofía (Ilustración), Matemáticas (xeometría), Plástica e visual (anamorfismo)
O segredo de Coimbra é un cómic de encargo do Museu da Ciencia da Universidade de Coimbra a Etienne Schréder para ilustrar unha exposición do magnífico catálogo de artiluxios científicos da eṕoca da Ilustración. Será de interese para calquera visitante do Museu, da Universidade ou da cidade.
Coma obra en si, é unha obra primeriza, con unha narrativa máis que correcta que suxire que o seu autor vaise converter nun autor destacado no cómic franco-belga co paso dos anos. O destacado son as ilustracións dos obxectos científicos, en especial os relacionados coa anamorfose, concepto central na trama da obra e fundamental para entender o valor filosófico e histórico da época retratada: as cousas non son como as vemos, senón que debemos velas/analizalas dende distintas perspectivas, convertendo ao xeito de ver e analizar as cousas e a Natureza, a metodoloxía, en algo tan fundamental como as cousas en sí mesmas. Iso é o xiro fundamental da Ilustración: a Ciencia moderna será unha metodoloxía nova que permite ver cousas novas que xa estaban aí, pero das cales non tiñamos a perspectiva necesaria.
É de sinalar que o cómic inclúe unha lámina metálica para poder apreciar algúns debuxos en perspectiva cilíndrica, unha das anamorfoses máis habitual na pintura e nas ilustracións crípticas.
Materias onde traballar co cómic: Física e Química, Ciencias da Natureza, Filosofía-Antropoloxía, Tecnoloxía (no tema Tecnoloxías da Comunicación)
Outras obras para traballar en clase: CONTACT (novela de Carl Sagan e película de R. Zemeckis con Jodie Foster)
Cosmicómic: El descubrimiento del Big Bang de Amedeo Balbi e Rossano Piccioni (Ed. Salamandra) é o primeiro cómic comentado en EFERVESCIENCIA. Foi escollido non pola súa calidade artística (o debuxo é correcto, funcional, ao servizo da historia) senón por ser unha obra que ilustra unha historia apaixonante e un tema de grande relevancia científica (o cambio de paradigma cosmolóxico ao longo do século XX) dun xeito coral, poñendo a énfase na ciencia como proceso colectivo de ensaio-erro e debate permanente coas ideas preconcibidas, e non coma resultado pechado veraz (xusto ao contrario de como adoitamos ensinar a ciencia nas clases, máis coma unha relixión revelada de verdades únicas e incuestionables).
É moi interesante ver a grandes científicos coma Einstein cometendo graves erros de apreciación científica, sepultando ideas innovadoras de científicos menos relevantes e máis tarde dando o seu brazo a torcer e recoñecer o seu erro (esa é precisamente a grandeza de moitas persoas adicadas á ciencia e iso é un dos grandes temas que non estamos a ensinar en clase de ciencia: a súa metodoloxía).
Algúns dos protagonistas
A historia debería ser coñecida por calquera docente: en 1964 Penzias e Wilson, radioastrónomos, captan un ruído de fondo permanente e omnipresente nas antenas. Despois de descartar outras posibilidades e dun proceso investigador chegamos a unha conclusión: estamos a “escoitar” o eco residual do Big Bang, é dicir temos un medio para investigar cando e como naceu o actual Universo. Ao longo da investigación van aparecendo grandes investigadores que contribuíron ao cambio da visión cosmolóxica ao longo do século XX: Einstein, Gamow, Hubble, Hoyle, Lemaître…Ningún deles foi quen de completar o puzzle enteiro o cal demostra unha vez máis que a Ciencia é ante todo un traballo colectivo, e que nas clases cando falamos de científicos individuais (normalmente só citando as “súas” leis ou facendo referencia aos “seus” descubrimentos relevantes) estamos a cometer un descontextualización, poñendo a énfase no traballo e nas capacidades individuais de grandes xenios (todos homes brancos, porque as mulleres e as outras etnias as invisibilizamos).
A historia funciona tamén coma exemplo de serendipia (achega fortuita, descubrimento casual) algo moi presente na Historia da Ciencia e da Tecnoloxía pero que cando se presenta en clase (por exemplo, ao falar dos antibióticos) queda reducido a un nivel de anécdota ou azar, ocultando que o relevante foi a capacidade investigadoradas persoas para por en cuestión os datos, interpretacións e paradigmas anteriores. É dicir, a maioría de nós non seriamos quen de facer un achega científica por moita casualidade que tiveramos se non temos claro a(s) metodoloxía(s) de investigación. E iso é o que podemos ilustrar na clase con unha lectura coma esta.
Si, e tamén películas, novelas, videoxogos, visitas a museos…Pensar que estamos a ensinar ben unha materia “de ciencias” centrándonos só na adquisición de contidos técnicos mecánicos (resolución de problemas estandarizados coa aplicación mecánica de fórmulas, conceptos illados e non significativos…) é de entrada incumprir coas diversas leis educativas que sinalan moi claramente a obrigatoriedade dunha contextualización social da ensinanza das ciencias e da Tecnoloxía. A maiores na época que vivimos, de acumulación desbordante de información, é necesario un enfoque interdisciplinario e integrador se queremos que a educación sexa algo máis que acumular notas. A maioría do alumnado recibe as ensinanzas científicas dun xeito moi pouco científico (segundo unha enquisa recente o 67% do alumnado de ESO non vai ao laboratorio de ciencias), pero tamén dun xeito moi pouco humanístico: descontextualizada da Historia, da cultura, da Ética e da política. Para isto é precisamente para o que poden servir os cómics que iremos comentando neste blog e no programa EFERVESCIENCIA: familiarizar ao alumnado co contexto da ciencia e d@s científic@s, a metodoloxía e os procesos (tan distintos entre sí) que se seguiron nas achegas científicas.
Nas últimas décadas o cómic ven sendo unhas das artes máis dinámica, aínda que no noso pais para gran parte dos adultos en xeral e do profesorado en particular é unha arte menor, algo para que lean os rapaces e rapazas (no mellor dos casos) namentres non collen gusto á lectura “de verdade”. Que en plena era audiovisual non nos decatemos que temos que educar no e co Visual se non queremos ter un poboación pseudoanalfabeta demostra a falta de visión educativa e/ou o conservadorismo cultural que dominan as nosas aulas.
A maiores nos últimos anos teñen xurdido magníficas obras de divulgación científica en formato cómic (á par que algúns dos mellores reportaxes xornalísticos da actualidade tamén teñen formato de cómic; baste citar en castelán OSCURIDADES PROGRAMADAS de Sarah Glidden (Ed. Slamandra)). Obras que deberían estar en todas as bibliotecas dos IES, e que o profesorado debería inserir nas súas programacións de aula, ben coma traballo obrigatorio ou voluntario avaliado (creando secuencias didácticas) ben como lecturas recomendadas (de novo as Leis educativas obrigan a ter un escolma de lecturas por materia e a participar no Plan Lector das escolas).
Agardo que algunha das obras aquí referenciadas podan servir a algún profesor/a a mellorar as súas clases.
A idea é que as referencias podan ser utilizadas tanto por profesorado nas súas materias (en especial os cómics) coma por familias (neste caso os videoxogos)
Comentarios recentes